ENGÁDESTE?

luns 21 xuño 2010


NEG comeza unha campaña co fin de incorporar persoas á nosa asociación e/ou subscribírense á Revista Galega de Educación.
Unicamente cómpre compartir os eixes vertebradores de NEG: renovación pedagóxica e galeguización do ensino. Todo no camiño dunha escola pública, democrática e galega.
Non nos diriximos só aos/ás profesionais do ensino, senón a calquera persoa que estea interesada na consecución dos obxectivos sinalados.
Máis información no noso web.

Nova Escola Galega publica un novo número do seu "NEG Opina"

luns 21 xuño 2010

Xa pode consultarse no noso web un novo número da publicación Nova Escola Galega Opina. Baixo o título de REMATE DUN CURSO "SEN PROBLEMAS" preténdese dar a coñecer a nosa valoración a respecto das numerosas iniciativas contrarias á escola pública que a Consellería de Educación veu desenvolvendo ao longo deste curso escolar.
Nomeadamente, paramos un pouco máis no Decreto de plurulingüismo, na Avaliación diagnóstica e no Proxecto "Abalar".

Apoio á manifestación do día 17 de maio

venres 14 maio 2010

NOVA ESCOLA GALEGA comunica o seu apoio á manifestación do día 17 de maio e fai un chamamento á participación masiva para pedir, unha vez máis, a retirada da proposta de decreto sobre o galego que o goberno ten destinado co fin de reducir a presenza da nosa lingua na educación.
Co último ditame do Consello Consultivo de Galicia, tamén negativo, a proposta concita unha case total unanimidade na súa contra por parte de organizacións políticas, sindicais, pedagóxicas e institucións coma a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, o Consello Escolar de Galicia e o propio Consello Consultivo. Non podemos permitir que se lexisle contra a nosa lingua con pasos atrás como nunca se viran dende o comezo da democracia.

Xosé Ramos no Xornal de Galicia

mércores 07 abril 2010

Xosé Ramos, membro do Secretariado nacional de Nova Escola Galega e do Consello Escolar de Galicia, acaba de publicar un artigo sobre a lingua e o borrador de Decreto no Xornal de Galicia.

Podes lelo premendo aquí.

NEG Opina - Abril 2010

mércores 07 abril 2010

NEG acaba de elaborar un actualizado estudo comparativo sobre a lingua galega no ensino no decreto de 1995, o actual do 2007, as Bases e o Borrador. Ademais, inclúese unha valoración sobre as últimas iniciativas que provocan unha regresión no ámbito da normalización.
Pode verse premendo aquí.

Artigo da Presidenta en Vieiros sobre o anteproxecto de decretazo

mércores 07 abril 2010

Mariló Candedo escribe para Vieiros un artigo sobre o anteproxecto de decreto de plurilingüismo:
"Abandonando a retórica… sobre o novo decreto do plurilingüismo".
As últimas declaracións do Conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística non poden ser máis esclarecedoras sobre as intencións do novo decreto do plurilingüismo.

Accede premendo aquí.

XXVI ASEMBLEA XERAL DE NEG

mércores 24 febreiro 2010

O vindeiro sábado, 13 de marzo, celebraremos a nosa XXVI Asemblea Xeral ordinaria, no Centro Social Caixanova de Compostela.
A xornada da mañá (a partir das 9 e media) dedicarémola a debater sobre a avaliación e sobre o  pacto educativo. Pola tarde (a partir das 4) realizaremos a asemblea ordinaria e mais unha extraordinaria.
Agardamos que haxa unha asistencia de asociadas e asociados. Tamén agardamos que se acheguen por alí persoas interesadas en saber o que facemos e que se poidan unir a nós neste labor por unha escola pública, democrática e galega.

"Nova Escola Galega e a lingua" e NEG Opina

mércores 17 febreiro 2010

Relacionado coa celebración do noso 25 aniversario, publicamos tamén un libro titulado "Nova Escola Galega e a lingua. 1983-2008. 25 anos en defensa do idioma".
Nesta publicación recóllense achegas de moitas persoas, institucións e entidades coas que mantivemos unha colaboración nestes vinte e cinco anos. Tamén se inclúen algúns dos documentos que NEG veu publicando neste tempo relacionados coa lingua.
O mesmo día da inauguración do noso novo local, 29 de xaneiro, presentamos esta publicación aos medios de comunicación, xunto co último número do NEG Opina dedicado ás "bases" do novo decreto de plurilingüismo.
Máis información sobre estas publicacións no web de NEG.

Inauguramos novo local

mércores 17 febreiro 2010

O pasado día 29 de xaneiro trasladámonos a un novo local en Compostela, na rúa San Clemente, 18, baixo.
Con este motivo celebramos un pequeno acto de apertura.
Convidámosvos a visitarnos.
Podedes ver máis imaxes no álbum.